Zheng He

Zheng He (chinés tradicional: 鄭和, chinés simplificado: 郑和 , Hanyu Pinyin: Zhèng Hé, Wade-Giles: Cheng Ho) tamén coñecido coma Ma Sambao, nado en 1371 e finado en 1435, foi un famoso militar, diplomático, mariñeiro, explorador chinés que realizou unhas viaxes colectivamente chamadas O eunuco Sanbao ao océano occidental (三保太監下西洋) ou Zheng He ao océano occidental, de 1405 a 1433. Durante as súas expedicións, que todas comezaron en Nanjing, Zheng He explorou o Sueste asiático, Indonesia, Ceilán, a India, o golfo Pérsico, a península arábiga, o leste de África até a canle de Mozambique e América. O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero xeralmente considérase que navegou e explorou sete veces "o océano occidental". As súas escuadras resultan impresionantes se se comparan coas súas contemporáneas europeas: ao redor de 30.000 homes e un número variable de naves, entre cincuenta e trescentas. As súas viaxes produciron un importante intercambio diplomático, comercial e cultural co estranxeiro. A pesar de contribuír a demostrar a capacidade organizativa e poder tecnolóxico chineses, non produciron anexións territoriais debido á falta de tradición de colonialismo e imperialismo na China. Trala súa morte, os confucionistas impuxeron de novo a súa visión do mundo, polo que nos séculos seguintes impulsouse o isolacionismo. No entanto Zheng He deixou unha profunda pegada na sociedade chinesa e, en xeral, en todo o sueste asiático.


Developed by StudentB